09:45 hasta las 20:00
XXV Encontros para a normalización lingüística

XXV Encontros para a normalización lingüística

No ano en que celebramos o 40º aniversario da creación do Consello da Cultura Galega chegamos tamén á 25ª edición dos Encontros para a Normalización Lingüística, botados a navegar en 1993, cando a institución contaba apenas con dez anos de vida. Naceron como un foro dedicado á información e á reflexión sobre a situación da lingua galega, un lugar de intercambio de experiencias e presentación de proxectos, de elaboración e lanzamento de propostas de futuro. Un espazo aberto á pluralidade, á construción colectiva, ao interese e respecto por todas as voces: por iso sempre foron concibidos como encontros, tamén en sentido físico e afectivo.

A edición de hogano vai poñer o foco no ámbito socioeconómico. Consonte os nosos compromisos xa coñecidos e a liña de acción sostida en anos anteriores, as intervencións artéllanse arredor da análise da situación, da difusión de coñecemento, da reflexión sobre os datos e os feitos, e da formulación de propostas que contribúan a achegar o uso da lingua galega á normalidade desexada.

Os XXV Encontros, xa que logo, traerannos presentacións de experiencias e iniciativas normalizadoras deseñadas por profesionais e entidades do ámbito público e privado. Unha escolma que mostra a diversidade, das puntuais ás de longa traxectoria, das máis coñecidas ás que tentan innovar. Teremos ocasión de comprobar, nas voces dos e das protagonistas, como unha actividade empresarial que valora a proximidade e a sustentabilidade atopa no uso do galego un elemento potenciador de seu. Tamén poderemos dialogar con empresas que, pola súa actividade e a súa relación de servizo con outras, se converten en amplificadoras do uso da lingua.

Dende outra perspectiva, falaremos dos dereitos dos usuarios/as e os consumidores/as. Cales son estes, cal o estado actual do seu cumprimento e como actuar para facelos efectivos. Sempre desde o encontro, cunha mirada crítica e á vez propositiva de solucións, poñendo o noso gran de area na mellora da presenza da lingua galega no tecido comercial e empresarial. Dende as relacións laborais á comunicación, rematando no contacto coa clientela.

E tamén celebraremos con todos e todas vós, lembrando os que xa non están pero puxeron vento noutras travesías, que a nosa dorniña de branca vela botada en 1993 chegou airosa e con rumbo firme ao seu porto número vinte e cinco.

http://consellodacultura.gal/evento.php?id=201661

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android