09:30 hasta las 19:00
Saber de nós

Saber de nós

O centenario do Seminario de Estudos Galegos (SEG) —1923-2023— ofrece unha ocasión idónea para realizar un balance da súa significación na historia científica, intelectual e cultural de Galicia, na madureza da súa concepción como nación europea e na reivindicación do galego como idioma culto e plenamente desenvolvido. A creación do Seminario de Estudos Galegos supuxo, antes de máis, un salto cualitativo decisivo na configuración dun campo específico de estudos galegos, multidisciplinario pero articulado arredor dunha idea moderna, integral e integradora de Galicia. De aí o título do congreso: «Saber de nós». Por outra banda, o Seminario foi un ámbito inédito de colaboración formativa e investigadora entre profesores e estudantes universitarios, estimulando a pescuda, a colaboración interdisciplinario, o traballo sobre o terreo e a aplicación práctica dos coñecementos. Ao tempo, promoveu un ideal de excelencia científica, perseguido mediante unha actualización constante, favorecendo os contactos internacionais cos centros máis avanzados, cunha política específica de intercambio con Portugal.

Para realizar o balance do dito convócase o congreso «Saber de nós: Cen anos do Seminario de Estudos Galegos», organizado polo Consello da Cultura Galega coa colaboración da Real Academia Galega, o Museo do Pobo Galego, o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento / Consello Superior de Investigacións Científicas, o Museo de Pontevedra e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

O Congreso está organizado en catro sesións. A primeira sesión situará o proxecto de Seminario no seu contexto histórico. A segunda sesión centrarase na propia traxectoria do SEG e na súa relación coa sociedade. As sesións terceira e cuarta concentraranse nas áreas de actividade nas que o Seminario conseguiu resultados máis tanxibles: a etnografía, a prehistoria e a arqueoloxía, as ciencias, as belas artes e os estudos literarios e a lingua. O congreso rematará cunha mesa redonda sobre o legado do SEG.

http://consellodacultura.gal/evento.php?id=201575

Download App iOS
VIRAL App
Download App Android